17/06/19

EspadELA en (Re)construíndo o Coñecemento, a Xornada Universitaria Galega en Xénero



O pasado venres presentamos EspadELA no contexto académico a través dun póster. Nesta comunicación trasladamos o soporte teórico que nos levou a deseñar esta escola de apoderamento feminista dirixida a mulleres do rural, así como os grandes logros acadados na mesma

Este espazo facilitounos unha gran visibilidade, así como a oportunidade de visibilizar a situación das mulleres no rural galego.

Seguimos a traballar para posicionar a necesidade de traballar dende a perspectiva feminista no rural galego :)

05/04/19

EspadELA é recoñecida como #PremioLuisaVillalta



EspadELA é un dos proxectos seleccionados pola área de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña no marco do Concurso Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade.

Este recoñecemento implica unha nova andaina de EspadELA, desta volta poñémonos a traballar nunha investigación que derivará nunha publicación e nun novo proceso formativo. Deste xeito, seguimos a crear espazos e materiais para elevar a voz e para motivar a participación sociocomunitaria e política das mulleres do rural.

Un novo formato e un novo proxecto arredor de EspadELA. Estamos desexando poñernos mans á obra! :)

14/12/18

EspadELA. A escola de empoderamento de mulleres no rural.

Arabías S.Coop.Gal desenvolveu dende setembro a decembro de 2018 EspadELA nos concellos de Arzúa, Ordes-Oroso e Betanzos. Este proxecto coordinouse da man da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego e levouse a cabo grazas ao financiamento da Deputación da Coruña.

Imaxe e deseño: Lucía Catoira Pan.

Producción: Tania Merelas Iglesias e Beatriz López Rey. Socias traballadoras de Arabías S.Coop.Galega

29/11/18

Con voz propia en Ordes

Con voz propia en Betanzos

Con voz propia en Arzúa

Conectadas

A liña de traballo "Conectadas"

O uso das novas tecnoloxías e os dispositivos dixitais de información supón a existencia dunha sociedade “conectada”, na que a inclusión dixital significa a integración que aumenta o benestar das persoas. En numerosas ocasións, as mulleres quedan á marxe deste proceso, e polo tanto, non aproveitan as vantaxes que proporcionan estas ferramentas. Neste sentido, a situación empeora cando falamos de mulleres que viven en contextos rurais e mulleres en idades avanzadas.

A fenda dixital de xénero supón un proceso de exclusión marcado pola desigualdade, a discriminación e o analfabetismo dixital. A barreira máis difícil de superar para as mulleres non é o acceso, se non máis ben o uso e manexo dos dispositivos. As innovacións requiren habilidades e destrezas específicas. Así, unha das estratexias para superar a fenda dixital de xénero é a formación centrada na alfabetización dixital que facilite a adquisición de habilidades para o uso das novas tecnoloxías adaptado ás necesidades, aos intereses e ás afeccións das mulleres.

“Conectadas” nace co obxectivo de ser un programa de inclusión dixital dirixido ás mulleres do rural que viven maiores desigualdades no que respecta ao acceso, uso e manexo das novas tecnoloxías. Ao longo das xornadas formativas sentimos como a fenda dixital de xénero, o illamento do rural galego e o desmantelamento de servizos públicos converxen nun contexto no que as mulleres sofren vulneracións de determinados dereitos. Referímonos ás dificultades que atopan á hora de acceder a determinados servizos públicos, á sensación de illamento nun escenario de desconexión e falta de comunicación, así como tamén á falta de autonomía para desenvolver certos trámites necesarios no día a día. “Conectadas” pretende incidir na necesidade de comunicarnos e no acceso e uso das novas tecnoloxías para o pracer, o desenvolvemento e a autonomía persoal.

06/11/18

Con voz propia

A liña de traballo "Con voz propia"

Os tres obradoiros que integran a liña formativa “Con voz propia”, dentro da escola EspadELA, son espazos para a reflexión persoal e compartida. A través das propias experiencias, analizamos o que supón ser mulleres no rural hoxe en día. As discriminacións e os problemas que hai que enfrontar diariamente, os traballos asumidos no ámbito da privacidade do fogar e os coidados a persoas en situación de dependencia, e as violencias machistas que combatemos como activistas do cotiá, que dicía Guadi Galego. Tamén entran en xogo os soños e os retos vitais que cada unha se marca, os camiños que queremos transitar para dar sentido e benestar ao día a día.

Aprender a escoitarnos e coidarnos, desde un lugar de menos culpa e prexuízo, é un dos traballos que iniciamos. E nesta tarefa comprendemos que non estamos soas, outras mulleres transitan tamén o mesmo camiño e somos compañeiras. Amigas de loitas e sorrisos. Igualmente, recoñecemos o labor de outras mulleres ao longo da historia en distintos escenarios: na vida política, cultural e artística, na economía o na academia, por citar algúns exemplos. Os seus logros, perténcenos a todas porque son o alento para emprender a tarefa de integrar a igualdade real e efectiva entre mulleres e na das xeracións futuras.

10/10/18

EspadELA en Ordes - Oroso

Datas confirmadas en Ordes-Oroso

Lugar Oficina do Sindicato Labrego en Ordes (rúa Alfonso Senra 17) e aula CEMIT do Concello de Oroso

Datas Mércores 17, 24 e 31 de outubro e xoves 8 e 15 de novembro

Contacto: arabias.coop@gmail.com 667 384 221/619457324

08/10/18

Escola EspadELA



EspadELA é unha escola de empoderamento para mulleres do rural que xorde da necesidade de crear espazos propios de encontro onde compartir e aprender conxuntamente. Trátase de contar cun tempo persoal para a aprendizaxe e o intercambio con outras mulleres, tecendo redes que permitan estar conectadas no illamento que ás veces acompaña a vida nos escenarios rurais.

Xa desde finais do século XX, no marco da Plataforma de Acción de Beijing, establécese o empoderamento como un dos obxectivos estratéxicos da loita feminista, procurando aumentar a participación das mulleres nos espazos de toma de decisión e acceso ao poder. O empoderamento refire un proceso que se establece nunha dobre dimensión, individual e colectiva, e que garda relación coa superación de prácticas socioculturais que seguen perpetuando a desigualdade de oportunidades e valor entre mulleres e homes.

Neste caso partimos do traballo no plano persoal para introducir cambios que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino. Coñecer as nosas capacidades, por en valor os nosos saberes e quefaceres, compartir e crear colectivamente, serán algúns dos proxectos arredor dos cales traballaremos en EspadELA, buscando promover a participación activa das mulleres a nivel sociocomunitario.