08/10/18

Escola EspadELA



EspadELA é unha escola de empoderamento para mulleres do rural que xorde da necesidade de crear espazos propios de encontro onde compartir e aprender conxuntamente. Trátase de contar cun tempo persoal para a aprendizaxe e o intercambio con outras mulleres, tecendo redes que permitan estar conectadas no illamento que ás veces acompaña a vida nos escenarios rurais.

Xa desde finais do século XX, no marco da Plataforma de Acción de Beijing, establécese o empoderamento como un dos obxectivos estratéxicos da loita feminista, procurando aumentar a participación das mulleres nos espazos de toma de decisión e acceso ao poder. O empoderamento refire un proceso que se establece nunha dobre dimensión, individual e colectiva, e que garda relación coa superación de prácticas socioculturais que seguen perpetuando a desigualdade de oportunidades e valor entre mulleres e homes.

Neste caso partimos do traballo no plano persoal para introducir cambios que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino. Coñecer as nosas capacidades, por en valor os nosos saberes e quefaceres, compartir e crear colectivamente, serán algúns dos proxectos arredor dos cales traballaremos en EspadELA, buscando promover a participación activa das mulleres a nivel sociocomunitario.