A liña de traballo "Conectadas"
O uso das novas tecnoloxías e os dispositivos dixitais de información supón a existencia dunha sociedade “conectada”, na que a inclusión dixital significa a integración que aumenta o benestar das persoas. En numerosas ocasións, as mulleres quedan á marxe deste proceso, e polo tanto, non aproveitan as vantaxes que proporcionan estas ferramentas. Neste sentido, a situación empeora cando falamos de mulleres que viven en contextos rurais e mulleres en idades avanzadas.
A fenda dixital de xénero supón un proceso de exclusión marcado pola desigualdade, a discriminación e o analfabetismo dixital. A barreira máis difícil de superar para as mulleres non é o acceso, se non máis ben o uso e manexo dos dispositivos. As innovacións requiren habilidades e destrezas específicas. Así, unha das estratexias para superar a fenda dixital de xénero é a formación centrada na alfabetización dixital que facilite a adquisición de habilidades para o uso das novas tecnoloxías adaptado ás necesidades, aos intereses e ás afeccións das mulleres.
“Conectadas” nace co obxectivo de ser un programa de inclusión dixital dirixido ás mulleres do rural que viven maiores desigualdades no que respecta ao acceso, uso e manexo das novas tecnoloxías. Ao longo das xornadas formativas sentimos como a fenda dixital de xénero, o illamento do rural galego e o desmantelamento de servizos públicos converxen nun contexto no que as mulleres sofren vulneracións de determinados dereitos. Referímonos ás dificultades que atopan á hora de acceder a determinados servizos públicos, á sensación de illamento nun escenario de desconexión e falta de comunicación, así como tamén á falta de autonomía para desenvolver certos trámites necesarios no día a día. “Conectadas” pretende incidir na necesidade de comunicarnos e no acceso e uso das novas tecnoloxías para o pracer, o desenvolvemento e a autonomía persoal.