A liña de traballo "Con voz propia"
Os tres obradoiros que integran a liña formativa “Con voz propia”, dentro da escola EspadELA, son espazos para a reflexión persoal e compartida. A través das propias experiencias, analizamos o que supón ser mulleres no rural hoxe en día. As discriminacións e os problemas que hai que enfrontar diariamente, os traballos asumidos no ámbito da privacidade do fogar e os coidados a persoas en situación de dependencia, e as violencias machistas que combatemos como activistas do cotiá, que dicía Guadi Galego. Tamén entran en xogo os soños e os retos vitais que cada unha se marca, os camiños que queremos transitar para dar sentido e benestar ao día a día.
Aprender a escoitarnos e coidarnos, desde un lugar de menos culpa e prexuízo, é un dos traballos que iniciamos. E nesta tarefa comprendemos que non estamos soas, outras mulleres transitan tamén o mesmo camiño e somos compañeiras. Amigas de loitas e sorrisos. Igualmente, recoñecemos o labor de outras mulleres ao longo da historia en distintos escenarios: na vida política, cultural e artística, na economía o na academia, por citar algúns exemplos. Os seus logros, perténcenos a todas porque son o alento para emprender a tarefa de integrar a igualdade real e efectiva entre mulleres e na das xeracións futuras.